A UNESCO declara dez novos lugares Patrimonio da Humanidade

A axencia da ONU engade novos bens culturais e naturais ás súas listas, mentres a Ribeira Sacra agarda decisión.

Imaxe xenérica dunha reunión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.
IA

Imaxe xenérica dunha reunión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.

A UNESCO anunciou este domingo a declaración de dez novos lugares como Patrimonio da Humanidade, ademais dunha ampliación e o adiamento de dúas candidaturas.

Na véspera da decisión sobre a candidatura da Ribeira Sacra no comité da Unesco en Busán (Corea do Sur), o organismo internacional sumou dez novos bens á súa lista de Patrimonio da Humanidade. A axencia tamén aprobou unha ampliación para Alemaña e aprazou dúas candidaturas.
Entre as novas declaracións atópase a do corredor migratorio de Boma-Badinglio, en Sudán do Sur. Esta candidatura entrou simultaneamente na lista principal e na de Patrimonio da Humanidade en Perigo debido aos conflitos armados e ao cambio climático que afectan a rexión. Este espazo comprende o Parque Nacional de Boma, o de Badingilo e paisaxes circundantes, que albergan unha das maiores migracións de mamíferos terrestres.
A ampliación aprobada corresponde aos bloques de vivendas modernistas de Berlín (Alemaña), que xa eran Patrimonio Mundial desde 2008. Agora incorpórase a área Waldsiedlung Zehlendorf, recoñecida pola súa gama cromática, como sétimo compoñente deste ben.
Dúas candidaturas foron aprazadas seguindo a recomendación do Icomos (Consello Asesor de Monumentos e Sitios). Unha delas refírese ás rutas da seda en Asia, concretamente ao corredor Fergana-Syrdaya. Outros corredores xa forman parte da lista, como o de Chang'an-Tianshan (inscrito en 2014) ou o Zeravshan-Karakum (inscrito en 2023). O Icomos suxeriu un adiamento para unha revisión profunda.
A outra candidatura aprazada é a de Portugal, que presentou un conxunto de fortalezas abaluartadas na zona fronteiriza. Aínda que se recoñeceu o potencial do ben e a posibilidade de incluír fortalezas do lado español, recomendouse traballar a proposta en profundidade, xa que só se estudaron tres fortalezas detalladamente e detectáronse outras carencias. Portugal aceptou o adiamento e a posible visita dunha misión da Unesco.
A decisión sobre a Ribeira Sacra será debatida este luns. Aínda que o informe do Icomos recomenda a súa "non inscrición", este non é vinculante. A pesar de que noutros anos candidaturas con oposición do organismo consultivo lograron a declaración, os adiamentos de Portugal e das rutas da seda non invitan ao optimismo, xa que foron considerados de menor gravidade que unha non inscrición, pero tiveron peso na decisión dos países membros.