A posta en marcha dunha cátedra de emprendemento empresarial específica para a Ribeira Sacra perfílase como o novo gran proxecto de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación de Empresas da Ribeira Sacra Next. A iniciativa, promovida dende o ámbito universitario, aspira a converterse nun instrumento estratéxico para a transferencia de coñecemento e o impulso económico da comarca que comparten as provincias lucense e ourensá.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co presidente da asociación Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez. Ambas as partes coincidiron na necesidade de dar un paso máis na cooperación institucional, concretándose agora na posibilidade de pór en marcha unha cátedra de emprendemento empresarial vinculada á Ribeira Sacra, orientada especialmente aos sectores primario, agroalimentario e turístico.
Durante o encontro, Menor destacou que a colaboración entre ambas as entidades "ten permitido consolidar unha relación fluída e de confianza cunha entidade que traballa dende o territorio e para o territorio". Subliñou que a futura cátedra representa unha oportunidade para fixar actividade económica, atraer talento e xerar novas oportunidades de futuro nunha comarca con "enorme potencialidade".
A cátedra, actualmente en fase de deseño, nace coa vocación de achegar o coñecemento universitario ao tecido produtivo, fomentar a innovación e reforzar a competitividade das empresas da Ribeira Sacra. A Deputación de Ourense amosou a súa disposición a participar activamente no proxecto, convencida de que pode converterse nun motor de transformación económica para o territorio.
"Os empresarios son unha peza fundamental no desenvolvemento económico do territorio, e facelo con planificación, con visión e coa colaboración das administracións é clave para consolidar oportunidades de futuro", sinalou Menor, situando a cátedra como un instrumento clave para avanzar nesa dirección.
Pola súa banda, Severino Rodríguez agradeceu o apoio continuado da Deputación ourensá dende a creación da asociación, asegurando que esta colaboración "foi esencial para poder desenvolver un traballo útil para todo o territorio". Engadiu que a cátedra permitiría "achegar o coñecemento universitario ás empresas da Ribeira Sacra, especialmente ás vinculadas ao sector primario e agroalimentario", reforzando, así, o emprendemento e a innovación na comarca formada por un total de 21 municipios.




