Os establecementos de concellos coruñeses con poboación inferior a 20.000 habitantes teñen ata o 20 de outubro para inscribirse na campaña a través da plataforma habilitada. O programa conta cun orzamento de 5 millóns de euros e ofrecerá bonos de desconto de ata 100 euros por persoa para gastar no comercio de proximidade.
Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio e ABANCA, ten como obxectivo principal apoiar o tecido comercial dos pequenos municipios, fomentar as compras locais e contribuír á sustentabilidade do emprego e dos servizos na veciñanza.
A Deputación prevé superar os 1.000 establecementos participantes nesta edición, que busca mobilizar preto de 25 millóns de euros en compras, multiplicando por cinco o investimento público inicial. A campaña combina o aforro para os consumidores cun estímulo directo ás vendas dos negocios adheridos.
As persoas maiores de idade poderán descargar os bonos na web de MercaNaVila a partir do 20 de outubro. As bonificacións, que oscilarán entre 10 e 30 euros por operación, poderanse utilizar nos establecementos adheridos dende esa data ata o 20 de novembro de 2026 ou ata esgotar o crédito.
A Federación Galega de Comercio colabora na difusión e na incorporación de establecementos, mentres que ABANCA xestionará a operativa dos bonos e as transaccións.




