A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMH) denunciou publicamente o sucedido, cualificando a acción como "un ataque á liberdade de expresión, aos dereitos humanos máis elementais e aos principios democráticos" con "intencionalidade fascista". A entidade sinalou que "non se pode permitir que feitos coma este sexan normalizados nin banalizados" e que constitúen "un atentado gravísimo contra a dignificación da memoria e unha aldraxe ás vítimas".
A CRMH "condena con firmeza este acto vandálico" e fai un chamamento á cidadanía para "protexer e vixiar a integridade de todos aqueles símbolos que nos lembran a urxencia e a vixencia da loita polos valores democráticos e pola xustiza social". Tamén anima ás organizacións políticas de Ribeira a rexeitar publicamente este "acto de intolerancia".
“"Cando se agrede un monumento que honra ás vítimas dunha ditadura, o que se está intentando é borrar a memoria colectiva e normalizar discursos de odio incompatibles coa democracia na que vivimos."
Dende o BNG tamén expresaron a súa "rotunda condena", cualificando o acto como un "ataque directo á memoria democrática, á convivencia e aos valores de liberdade e xustiza". O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, sinalou que este tipo de agresións buscan "borrar a memoria colectiva e normalizar discursos de odio". Tamén advertiu de que "discursos cada vez máis reaccionarios da dereita e da extrema dereita" alimentan un "clima de confrontación e intolerancia".
Pérez Barral engadiu que "o silencio ou a equidistancia ante feitos coma este tamén son unha forma de consentimento" e anunciou que o BNG presentará unha proposta en pleno para "condenar sen ambigüidades calquera expresión de intolerancia, violencia política ou nostalxia franquista". O partido traslada a súa solidariedade á CRMH e ás familias das vítimas, e demanda que a policía esclareza os feitos e se restitúa o monumento canto antes.




