A iniciativa 'Boiro Xoga', promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), foi seleccionada pola Xunta de Galicia entre as cinco mellores campañas de dinamización comercial dos Centros Comerciais Abertos galegos na convocatoria de axudas de 2026. Este recoñecemento, que xa recibiu a ABE o ano pasado, consolida a Boiro como un referente en propostas innovadoras para o comercio local.
O punto de partida da campaña, que se presentará en setembro, será a edición dun xogo de mesa inspirado na realidade urbana e comercial da vila. Coa proposta, a ABE busca que a veciñanza coñeza o valor do comercio de proximidade dunha forma diferente, participativa e divertida, fomentando así o consumo local e o vínculo co tecido empresarial.
“"Detrás de cada negocio hai unha persoa, unha historia e unha relación construída durante anos. O comercio local forma parte da vida de Boiro e esta campaña busca precisamente poñer en valor todo o que hai detrás de cada establecemento."
A campaña combinará accións presenciais e dixitais co obxectivo de incrementar o fluxo de público nos establecementos e reforzar a conexión entre a cidadanía e o comercio boirense. Dende a ABE sinalan que 'Boiro Xoga' busca seguir avanzando nun modelo de promoción onde as campañas sexan experiencias que impliquen ás persoas e poñan en valor a identidade da vila.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, comunicou a noticia nun encontro coa ABE e outras entidades seleccionadas, onde tamén estivo presente o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. Dende a asociación valoran este apoio como un estímulo para continuar fortalecendo o comercio local como motor económico e social.




