O Concello da Pobra do Caramiñal presentou oficialmente as Festas do Nazareno 2026, unha das celebracións máis arraigadas e esperadas no municipio. A programación terá lugar do venres 18 ao luns 21 de setembro.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, xunto cun representante da Comisión do Nazareno, deu a coñecer os detalles dun evento que non só forma parte da historia e as tradicións locais, senón que tamén contribúe a manter a actividade no municipio cando remata o verán.
Lojo subliñou a importancia de prolongar a tempada turística e de ofrecer motivos para visitar a vila máis aló dos meses de maior afluencia. Destacou que a festa dinamiza a hostalaría, o comercio e os pequenos negocios, fortalecendo a economía e a vida social da Pobra.
“"Manter as nosas tradicións non significa quedar no pasado; significa saber coidalas e, ao mesmo tempo, adaptalas e potencialas para que sigan tendo futuro."
A concelleira tamén recoñeceu o traballo e a dedicación da Comisión do Nazareno e de todas as persoas implicadas na organización, cuxo esforzo previo de coordinación e xestión non sempre é visible.
Desde o Concello reitérase a colaboración coa comisión para seguir impulsando esta festa que combina tradición, identidade e encontro, e que é clave para a vitalidade da Pobra fóra do período central do verán.
A programación musical inclúe actuacións de grupos como Kolokón, El Último Ke Zierre, América, París de Noia, Olympus e Panorama, entre outras formacións.
Patricia Lojo invitou a veciñanza e visitantes a participar e gozar do Nazareno, cualificándoo como "unha das grandes festas do noso concello".




