O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do ciclo, que busca dar visibilidade a proxectos emerxentes, con especial atención ás mulleres creadoras, e que combina diversos xéneros musicais como música de raíz, folk contemporáneo, pop, indie, funk e experimentación sonora.
A iniciativa, que xa pasou polas salas de Mos, Cambados e Ferrol, continuará a súa andaina por Santiago de Compostela, Boiro, Vilar de Santos, Melide e Pontedeume. A próxima cita será mañá, venres, en Boiro, coas actuacións de Abril e Lontras. O 20 de novembro, a banda El Nido pechará a súa xira na Sala Riquela de Santiago.
Novembro completarase con concertos de Unto Vello (o día 21 en Mos), Maricarme (o 22 en Cambados) e L’arannà e Carmela (o 27 en Santiago). En decembro actuarán Xiro e Bouba (o día 12 en Vilar de Santos) e Brassica Rapa (o 19 en Melide). Xa en 2027, Brúa e BÖJ actuarán o 12 de marzo en Boiro, seguidos por Leticia Rey o 24 de abril e Tres Pesos o 22 de maio en Pontedeume.
‘Ducia e Pico’ forma parte dunha liña de axudas da Xunta para concertos en salas, dotada con preto de 360.000€ para o benio 2026-2027, co obxectivo de apoiar a actividade destes espazos, a profesionalización do sector e a creación de novos públicos.




