A Xunta aproba a ampliación de Congalsa na Pobra do Caramiñal

O proxecto permitirá á empresa conserveira e pesqueira case duplicar a súa capacidade de produción de elaborados conxelados.

Imaxe xenérica dunha nave industrial moderna nun parque empresarial.
IA

Imaxe xenérica dunha nave industrial moderna nun parque empresarial.

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao proxecto de ampliación da planta de elaboración de produtos alimentarios conxelados de Congalsa, situada no parque empresarial da Tomada, no concello coruñés da Pobra do Caramiñal.

Esta decisión permitirá á empresa conserveira e pesqueira barbanzá case duplicar a súa produción de elaborados, precociñados e conxelados a base de peixe e outros produtos. O informe de impacto ambiental, emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, conclúe que non se esperan efectos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes establecidos.
O proceso de avaliación ambiental simplificada incluíu un período de participación pública, durante o cal non se recibiron alegacións, e consultáronse dez organismos interesados. Froito destas consultas, establecéronse os condicionantes que se engaden ao programa de vixilancia ambiental recollido na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Segundo un comunicado da Xunta, as avaliacións indican que o proxecto non terá impactos significativos en áreas como a protección da atmosfera, a saúde, as augas, o solo, o patrimonio natural, a xestión de residuos, a integración paisaxística, a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono. A viabilidade da iniciativa está supeditada ao cumprimento de todos os requisitos.
A ampliación de Congalsa prevé a incorporación das parcelas 16 e 17 ao seu centro produtivo, que actualmente ocupa as parcelas 13, 14 e 15 da área industrial. As novas instalacións, cunha superficie construída de máis de 6.200 metros cadrados, destinaranse á fabricación de alimentos rebozados e empanados.
Estímase que a capacidade máxima de produción de rebozados e empanados na nova sede será de 30.000 toneladas ao ano, o que, sumado ás liñas xa existentes, alcanzará un total de 55.000 toneladas anuais.