O Concello de Tui busca mellorar a situación do transporte público na comarca do Baixo Miño coas oito alegacións presentadas ao proxecto de explotación do servizo de transporte regular de viaxeiros por estrada XG859 – Leste das comarcas do Baixo Miño e Vigo.
As solicitudes céntranse no incremento das frecuencias, a comunicación cos hospitais e o campus universitario, así como a mellora da información sobre liñas e horarios.
Proponse incrementar as frecuencias co Hospital Álvaro Cunqueiro, cunha viaxe cada hora, especialmente pola mañá, e que sexan semidirectas pola AP-9.
Para a liña entre A Guarda e Vigo, pasando por Tomiño, Tui e O Porriño, solicítase un servizo ininterrompido entre as 6.45h e as 21.30h (ida) e as 7.30h e as 22.00h (volta), reforzando as viaxes os venres e domingos para o alumnado.
Tamén se pide unha liña semidirecta e outra directa Tui-Vigo Intermodal pola AP-9 con frecuencias cada hora para reducir os tempos de viaxe.
Respecto ao transporte ao CUVI dende A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui e O Porriño, solicítase adaptar os horarios lectivos e recuperar a liña directa Tui-Rebordáns-CUVI.
O Concello tamén propón mellorar a comunicación entre as parroquias e o centro de Tui, ampliando o servizo a todas as parroquias e definindo rutas circulares interparroquiais regulares.
Ademais, solicítase manter o horario de fin de semana e festivos, e incorporar unha liña estival a xullo e agosto que conecte Tui coas praias.
Outras demandas inclúen un transporte eco 100% para cumprir a axenda 2030, paneis informativos en tempo real, unha APP con seguimento de autobuses e asentos preferentes para persoas con mobilidade reducida.




