A actividade, organizada pola Asociación Avelaíña Saúde Mental en colaboración co Concello de Tomiño, enmárcase nos actos do Día Mundial da Saúde Mental e busca abrir un espazo de diálogo coa mocidade sobre benestar emocional, relacións de apoio e a importancia de pedir axuda.
O encontro celebrarase no Auditorio de Goián e permitirá ao alumnado interactuar cun dos divulgadores de psicoloxía máis recoñecidos a nivel estatal, coñecido pola súa traxectoria profesional e a súa presenza en medios e no podcast “Entiende tu Mente”.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia de crear espazos de confianza para que a mocidade poida expresar as súas preocupacións e saiba que pedir axuda é un acto de autocoidado. Destacou o apoio municipal á iniciativa para achegar ferramentas de comprensión emocional.
Avelaíña Saúde Mental considera fundamental a adolescencia para a promoción da saúde mental e a prevención do malestar, polo que busca achegar mensaxes rigorosas e accesibles a través das plataformas habituais da mocidade.
Grazas ao apoio da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, que financiará a gravación e difusión do evento, os contidos do coloquio transformaranse en materiais audiovisuais para redes sociais como Instagram, Facebook e TikTok, ampliando o seu impacto por toda Galicia.
O obxectivo é normalizar as conversacións sobre saúde mental, combater o estigma e axudar aos mozos a identificar as súas redes de apoio e onde acudir en momentos de dificultade emocional.




