A Casa das Mulleres Rurais de Tomiño volve á actividade este 15 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, tras a conclusión dos traballos de rehabilitación do edificio. A asociación, fundada en 1993 e con máis de tres décadas de traxectoria, retoma así o seu espazo habitual de encontro, formación e convivencia.
As usuarias recibiron as chaves das instalacións nunha xornada marcada pola ledicia de regresar a un lugar que forma parte da historia da entidade e da memoria de moitas das súas integrantes. A entidade impulsou ao longo dos anos actividades formativas como cursos de artesanía, bordado, pintura, manualidades ou informática, ademais de excursións culturais e encontros de convivencia.
A recuperación deste espazo, pertencente ao conxunto residencial da Obra Sindical del Hogar e construído entre finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, garante a continuidade da traxectoria da asociación. O edificio conta agora con mellores condicións de accesibilidade, habitabilidade e eficiencia enerxética, incluíndo unha rampla de acceso, un aseo adaptado, resolución de humidades, mellora do illamento térmico e renovación dos sistemas de climatización e iluminación, conservando a súa identidade arquitectónica orixinal.
A coincidencia deste regreso co Día Internacional das Mulleres Rurais supón tamén unha homenaxe a todas as mulleres que, co seu esforzo e compromiso, contribuíron a manter viva a vida social e comunitaria de Tomiño, recoñecendo o seu papel fundamental na historia e no presente do municipio.




