A mostra, que se poderá visitar a partir das 20:00 horas, achega a obra do artista de Estás, coñecido por traballar a pedra e ligar a súa creación á paisaxe e á tradición.
Antúnez Pousa, nacido en Estás en 1945 nunha familia de canteiros, empregou o granito como material principal, explorando as súas posibilidades artísticas a través de curvas, ocos e texturas. As súas esculturas buscan o movemento e a expresividade, mantendo sempre unha forte conexión coa cultura e a paisaxe galegas.
A exposición sitúa a obra de Antúnez Pousa no contexto artístico de Tomiño, un municipio con importante patrimonio cultural creado por xeracións de escultores, pintores e artesáns.
O edificio, un antigo cine, retoma a súa actividade cultural tras obras de rehabilitación centradas na mellora das condicións de uso e a eficiencia enerxética, incluíndo actuacións na envolvente, climatización e illamento acústico.




