O proxecto europeo Euro_Foz presentou unha nova plataforma dixital, culturaeurocidadefozminho.com, que centraliza a oferta de ocio, arte e patrimonio de O Rosal, A Guarda e Caminha. Esta iniciativa busca evitar a contraprogramación de eventos, asegurar un reparto xeográfico equilibrado e potenciar o diálogo cultural entre Galicia e Portugal.
A posta en marcha desta ferramenta dixital, parte do proxecto "0554_EURO_FOZ_MINHO – Euro_Foz: Construíndo a Eurocidade da Foz do Miño", responde ao compromiso dos tres municipios de xestionar de forma compartida a súa relación cotiá, neste caso a través dunha coordinación cultural efectiva. O portal funciona como un escaparate dinámico para consultar toda a programación escénica, musical, asociativa e patrimonial arredor da desembocadura do río Miño.
A axenda, enmarcada na Actividade 3 (Eurocidade Cultural) do proxecto Euro_Foz, coordina as axendas municipais para evitar solapamentos de actividades, favorecer a mobilidade transfronteiriza e asegurar unha distribución homoxénea dos actos. Os tres concellos planificarán conxuntamente datas, contidos e espazos, integrando eventos propios do proxecto europeo, ciclos consolidados e propostas do tecido asociativo.
O portal permite filtrar eventos por disciplinas, datas e localizacións, dispoñible en galego e portugués. Ademais de impulsar o uso de servizos públicos compartidos, busca reforzar a visibilidade dos creadores e artistas locais, demostrando que a fronteira non é unha barreira para a creación e o lecer. O proxecto consolida así as bases da futura Eurocidade do Esteiro do Miño.




