Estas contratacións, enmarcadas na liña 3 para a activación do emprego, permitirán ao municipio mellorar a prestación de servizos e cubrir necesidades de persoal en áreas clave. A alcaldesa, Sandra González, destacou que esta iniciativa non só reforza a administración local, senón que tamén representa unha oportunidade significativa para os veciños e veciñas de Tomiño que se atopan en situación de desemprego.
Os postos que se cubrirán inclúen doce peóns de xardinaría, dúas persoas para obras públicas, un mecánico de mantemento de automoción, un soldador especialista, un técnico administrativo, un traballador social e un enxeñeiro técnico forestal ou biólogo. Os contratos terán unha duración de entre seis e nove meses, a xornada completa.
“"Estas novas incorporacións permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, pero tamén será unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego."
Para optar a estas prazas, os candidatos deben estar empadroados en Tomiño, atoparse en situación de desemprego e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e dispoñibles para o emprego. O propio Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a preselección dos aspirantes. Terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade superior ao 33%, familias monoparentais con fillos a cargo e persoas con baixos niveis de renda e cargas familiares.




