O obxectivo principal desta contratación é avanzar na organización, dixitalización e posta en valor dos fondos documentais do municipio. A persoa seleccionada colaborará na recompilación, recuperación, dixitalización, catalogación e clasificación de documentos en diferentes soportes, como papel, fotografía, vídeo e son, conservados nos arquivos municipais e na biblioteca municipal Espazo Isaura Gómez.
As súas funcións tamén incluirán tarefas relacionadas coa organización dos fondos, a localización e consulta de documentación, e a atención de solicitudes tanto do persoal municipal como da cidadanía. Ademais, crearase contido a partir de material de interese histórico e documental, e resolveranse consultas sobre estes fondos, incluídos os da Casa do Tempo de Sobrada.
Para poder optar ao posto, é necesario ter entre 18 e 29 anos, estar en situación de desemprego e inscrita/o como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Tamén se require contar cunha titulación específica, como Grao en Xestión Cultural, Historia, Filoloxía Clásica, Xestión Dixital de Información e Documentación, ou Dirección e Xestión Pública, e estar inscrita/o no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Esta iniciativa permitirá mellorar a organización da documentación física, avanzar na súa dixitalización e facilitar o acceso da cidadanía a estes fondos, contribuíndo á resolución de consultas sobre a historia local e á creación de contidos para a divulgación da Memoria Tomiñesa.
As persoas interesadas deberán inscribirse a través da súa oficina de emprego no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, indicando o código de ocupación 37331012, “Axudante de Arquivo”. A contratación conta coa subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Coa posta en marcha deste servizo, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa organización e conservación da documentación municipal, promovendo a recuperación e divulgación da súa historia e memoria colectiva.




