A voz da infancia e mocidade rosaleira soou forte no Parlamento de Galicia da man de Fogaric@s, o grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal. Participaron no XIV Foro Infantil de UNICEF, un encontro centrado na defensa dos dereitos da infancia e na importancia de garantir o seu cumprimento.
A rapazada rosaleira compartiu esta experiencia con representantes doutros grupos de participación infantil e adolescente de Galicia. A xornada permitiu poñer en común preocupacións, intercambiar experiencias e reivindicar o papel activo das novas xeracións na sociedade.
“"Os dereitos da infancia son inviolables e as institucións públicas teñen a obriga de velar polo seu respecto e cumprimento, non abonda con recoñecelos sobre o papel, senón que é necesario garantir que se cumpran na vida cotiá de todos os nenos e nenas."
Suevia, integrante de Fogaric@s, foi a encargada da intervención de peche, onde tamén reivindicou o dereito da infancia e da adolescencia a expresar as súas opinións e a ser escoitadas. Esta mensaxe subliña o labor de Fogaric@s ao longo do ano, buscando que a participación infantil sexa unha oportunidade real para contribuír á toma de decisións.
A delegación rosaleira estivo acompañada pola concelleira de Benestar social e Igualdade, Beatriz Rodríguez. A concelleira destacou a implicación dos integrantes de Fogaric@s e a importancia de que conten con espazos para trasladar as súas reivindicacións, salientando que "é fundamental que os nenos, nenas e adolescentes saiban que a súa opinión importa e que teñen dereito a participar nas decisións que afectan á súa vida. Escoitalos é respectar un dereito que debemos garantir desde as institucións".
Esta participación no foro dá continuidade ao traballo anual de Fogaric@s no Rosal, centrado na reflexión sobre os dereitos da infancia, a identificación de necesidades municipais e a elaboración de propostas. Recentemente, tamén participaron nun pleno infantil con máis de 100 alumnos con motivo do Día Mundial da Infancia.




