A vida cotiá da adolescencia está marcada polas redes sociais, os móbiles e as pantallas. Detrás de cada conexión dixital existen experiencias, preocupacións e formas diversas de relacionarse co mundo en liña. Para comprender mellor esta realidade, Carolina Rodríguez está a desenvolver unha investigación que se centra nas prácticas dixitais dos mozos e mozas.
O estudo busca profundar na maneira na que os adolescentes conviven cos medios dixitais e nas cuestións que lles xeran inquietude nas súas vivencias en liña. Para iso, a investigadora fai un chamamento á participación de mozos e mozas de 15 e 16 anos residentes no Baixo Miño.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Alejandro González, destacou a importancia de apoiar este traballo que pon no centro a voz da mocidade para comprender unha realidade inseparable do seu día a día. A difusión deste estudo é vista como unha colaboración valiosa cunha investigadora local.
As persoas interesadas en participar, de entre 15 e 16 anos e residentes no Baixo Miño, poden facelo cubrindo un formulario dixital habilitado pola investigadora. Todo o proceso garantirá a participación anónima e confidencial.
Para resolver calquera dúbida sobre o estudo ou o proceso de participación, os/as interesados/as poden contactar directamente coa investigadora a través do correo electrónico carolina.rodriguez@usc.es.
Este estudo conta co financiamento do Programa de axudas á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia (ED481A-2025-40) e xa conta coa aprobación do Comité de Ética na Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.




