A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director de xestión de ADOS, José Luis Beiras, e por concelleiros do Porto do Son, visitou esta mañá a unidade de doazón de sangue neste concello coruñés. A unidade forma parte da campaña de verán 'Un alento de vida', promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses estivais.
Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, cun total de 800 desprazamentos. O obxectivo é obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue, cunha meta diaria de 400 doazóns, para garantir o abastecemento adecuado de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos. Esta cifra é crucial, especialmente no verán, cando a participación dos doantes habituais adoita diminuír.
A delegada da Xunta sinalou que nestes días, 23, 24 e 27 de xullo, as unidades de doazón de sangue estarán presentes en 15 concellos da provincia da Coruña. A campaña, que se estende durante xullo e agosto, inclúe 7 concellos da comarca do Barbanza: Porto do Son, Rianxo, Muros, Boiro, A Pobra, Ribeira e Noia.
Belén do Campo lembrou que en Galicia realizáronse 105.333 doazóns no ano 2025, superando en tres puntos a media nacional. No que vai de ano, xa se alcanzaron as 60.000 doazóns.
A campaña 'Un alento de vida' lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
A iniciativa busca concienciar sobre a necesidade de doar sangue incluso durante as vacacións de verán, destacando a presenza das unidades móbiles en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
A Axencia de Doazón de Sangue agradeceu a implicación do Concello do Porto do Son e o compromiso dos seus veciños e veciñas. No ano 2025, o municipio rexistrou 281 doazóns, cunha taxa de 31 doazóns por cada 1000 habitantes e ano, e o obxectivo é seguir incrementando a participación cidadá.
A Axencia convida á veciñanza do Porto do Son a doar sangue. Poden participar todas as persoas maiores de 18 anos, que pesen máis de 50 quilos e non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do portal web ados.sergas.gal, das súas redes sociais e do teléfono gratuíto 900 100 828.




