As Festas do Carmen 2026 de Porto do Son prometen ser un dos eventos máis destacados do municipio, pechando o verán con cinco intensas xornadas de festa, música e tradición. A programación completa foi presentada hoxe polo alcalde, Luis Oujo, xunto a membros do goberno local.
A festividade, que terá lugar do 7 ao 11 de setembro, contará co pregón do recoñecido cardiólogo José Ramón González Juanatey. Durante estes días, veciños e visitantes poderán gozar da tradicional procesión marítima, pasacalles, gastronomía, verbenas con grandes orquestras, e un broche final con festa da auga e fogos de artificio.
“"Animamos a desfrutar destas marabillosas festas, que son unha das celebracións máis destacadas do noso municipio. Agradecemos a todas as persoas que fan posible levar a cabo estas festas e que permiten que veciñanza e visitantes poidan gozar de cinco días de celebración con actividades variadas para todos os públicos."
A programación arranca o luns 7 de setembro coas dianas e alboradas do grupo de gaitas ‘CanleBó’, a saída dos cabezudos ‘Os Viqueiras de Ordes’ e o pregón na praza de España. A xornada rematará cunha verbena na explanada portuaria coas orquestras ‘Capitol’ e ‘Discomóbil’.
O martes 8, na honra á Virxe do Carme, haberá misa solemne e a tradicional procesión marítima coa ofrenda floral polos falecidos no mar, seguida de fogos de artificio. A verbena contará coas orquestras ‘Olimpus’ e ‘Banda de Ayer’.
O mércores 9, dedicado á Virxe de Loreto, inclúe varias misas na Capela de Loreto, unha misa solemne acompañada pola Banda de Música de Caamaño e unha sardiñada. A noite estará amenizada polo concerto de Alana e a verbena coas orquestras ‘Origen’ e ‘Discomóbil’.
O xoves 10, en honra a San Roque, haberá misa solemne e procesión coa Banda de Música de Caamaño, ademais dunha verbena coas orquestras ‘Los Satélites’ e ‘New York’.
Finalmente, o venres 11, na honra da Caridade, a xornada incluirá inchables e xogos para os máis pequenos no xardín portuario. A clausura será cunha gran sesión de fogos de artificio, seguida de pasacalles e festa da auga coa ‘Charanga Os Celtas’, ademais de verbenas coas orquestras ‘Marbella’ e ‘París de Noia’.




