A actuación, que xa foi sometida a información pública para os trámites expropiatorios, requirirá a adquisición de 26 parcelas, cunha superficie total de 687 metros cadrados. Espérase que o proxecto de trazado estea aprobado no terceiro trimestre do ano, e o construtivo no último trimestre.
O prazo estimado para a execución das obras é de 14 meses. A senda creará dous itinerarios independentes de uso compartido para peóns e ciclistas ao longo da vía autonómica, contribuíndo a unha mobilidade máis segura e accesible entre os distintos núcleos do municipio.
“"Esta intervención permitirá avanzar nun modelo de mobilidade máis segura e accesible, ao tempo que favorecerá os desprazamentos a pé ou en bicicleta entre distintos núcleos do municipio."
A senda proxectarase adxacente á estrada, mantendo o trazado actual da AC-550, cun ancho superior aos dous metros e un arcén dun metro. O pavimento será de formigón bicapa e incluirá elementos de accesibilidade nos cruces e nas paradas de autobús.
Ademais, o proxecto contempla a execución de drenaxes, muros de contención e a construción de pasarelas sobre os ríos Ornanda e Quintáns, de 9 e 15 metros de luz respectivamente. Tamén se mellorará a accesibilidade de seis paradas de autobús, reubicando tres delas e renovando os refuxios. As actuacións financiaranse con fondos do programa operativo Feder 2021-2027.




