A Deputación da Coruña destacou o "impulso veciñal organizado" que permitiu recuperar tras máis de cincuenta anos a tradicional Feira dos Carros en Outes. As deputadas de Cultura e Lingua, Natividade González e Sol Agra, mantiveron un encontro cunha representación da Asociación Veciñal Feira dos Carros de Cando, onde coñeceron de preto a actividade da entidade e o seu papel na dinamización cultural.
Puxeron en valor o traballo da asociación, que conta cun cento de membros, e destacaron o papel da xente moza na xunta directiva. Grazas ao seu esforzo, este ano celebrouse a feira cun "rotundo éxito de participación", segundo sinalou Sol Agra.
“"Para a Deputación da Coruña é moi importante seguir de preto, e apoiar no que sexa posible, entidades profundamente comprometidas coa cultura."
Ambas as deputadas tamén recalcaron a importancia do tecido veciñal nos concellos da provincia, especialmente nos rurais, subliñando o seu rol "esencial" na dinamización social e cultural.




