O Consello da Xunta aprobou a licitación dun itinerario de uso mixto na estrada PO-841, ao seu paso polo concello da Estrada, cun investimento superior a 1,1 millóns de euros. Esta senda terá case 2,4 quilómetros de lonxitude e será construída en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros. Incluirá pavimento táctil nos extremos, paradas de autobús e pasos de peóns para reforzar a seguridade.
Nas vindeiras semanas, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará tamén unha senda similar na estrada AC-550, en Noia, cun orzamento de máis de 1,6 millóns de euros. Este proxecto, que se someterá a exposición pública, discorrerá entre os núcleos de Taramancos e Boa en dous treitos independentes e terá un ancho de algo máis de 2 metros.
A actuación en Noia tamén contempla o traslado dunha parada de autobús para mellorar a súa accesibilidade e a reposición do firme nun tramo da antiga estrada. A previsión da Xunta é aprobar o trazado no terceiro trimestre do ano e contar co proxecto construtivo no último.




