O BNG de Carnota denuncia recortes sanitarios e critica o silencio do goberno local

A formación nacionalista alerta sobre a eliminación de consultas médicas os sábados e a falta de pediatra no municipio.

Imaxe xenérica dun micrófono nun atril, simbolizando unha declaración política.
IA

Imaxe xenérica dun micrófono nun atril, simbolizando unha declaración política.

O BNG de Carnota expresou a súa preocupación polo "progresivo desmantelamento" dos servizos sanitarios no municipio, tras a decisión da Xunta de Galicia de suprimir as consultas médicas dos sábados pola mañá.

A formación nacionalista recorda que a localidade leva dous anos sen servizo de pediatría, o que obriga ás familias a desprazarse ata Muros para que os seus fillos sexan atendidos por un especialista. Agora, a eliminación das consultas sabatinas no centro de saúde de Carnota agravará a situación, forzando a moitos veciños a acudir ao PAC de Muros para recibir atención.

"O Partido Popular recorta cada día máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota; énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos."

un dirixente do BNG de Carnota
Ademais, o representante do BNG sinalou que cada visita do presidente da Xunta de Galicia a Carnota parece coincidir coa perda de servizos. "Hai dous anos quitáronnos o pediatra, e agora eliminan a atención sanitaria os sábados. Case mellor que se quede en Santiago", engadiu.
As críticas do BNG tamén se dirixen ao goberno municipal, ao que acusan de non informar sobre estes cambios e de non mostrar preocupación por un servizo tan esencial para a cidadanía. "É incomprensible que o goberno municipal non se preocupe por un servizo tan importante para a veciñanza", afirmou o portavoz.