A conselleira Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, a alcaldesa María Lago, e o patrón maior de Muros, Daniel Formoso, detallou as intervencións previstas durante unha visita á dársena. O obxectivo principal é reforzar a infraestrutura portuaria para mellorar a seguridade e a operatividade das instalacións.
Unha das actuacións máis destacadas é a renovación integral do pavimento de madeira do pantalán profesional para embarcacións mexilloeiras no porto de Muros, cun investimento de 70.000 euros. Esta obra forma parte dun contrato máis amplo de 640.000 euros que abarca unha decena de peiraos en Galicia, incluíndo Lorbé (Oleiros), Muxía, A Barquiña (Outes), Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía de Arousa), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.
“"As obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas."
No porto de Muros, a intervención centrarase no pantalán mexilloeiro situado na punta do dique, cubrindo unha superficie de 640 metros cadrados e nove fingers. O prazo de execución estimado para estes traballos é de sete meses, garantindo en todo momento o acceso dos usuarios ás súas embarcacións.
Ademais, Portos de Galicia xa ten contratada a mellora da rampla de Esteiro, cun investimento de 215.000 euros, que comezará na primavera. Esta obra adaptará a rampla de descarga de peixes e bivalvos ás necesidades das embarcacións locais. Tamén está en execución a reconstrución do peirao interior de Muros, cun custo de 361.000 euros, e cuxa finalización está prevista para o mes de maio.




