A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Pastoriza, Darío Cabaneiro, formalizaron esta mañá a colaboración nun acto que tamén contou coa presenza do delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares. Este acordo busca fortalecer a rede de recursos para maiores na comunidade autónoma.
A conselleira destacou a importancia da cooperación entre a Xunta e o Concello de Pastoriza para desenvolver novos servizos esenciais que permitan á veciñanza recibir atención e coidados de calidade na súa contorna. García sinalou que estas iniciativas non só ofrecen alternativas aos maiores, senén que tamén contribúen á creación de emprego e ao fortalecemento dos servizos no ámbito rural.
A responsable autonómica agradeceu o compromiso do alcalde co proxecto da residencia e centro de día en Pastoriza, subliñando que estas instalacións mellorarán a calidade de vida dos residentes e reforzarán a rede de recursos de Galicia. Engadiu que o compromiso da Xunta coa atención á terceira idade tamén se reflicte nun maior investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun incremento de máis de 650.000 euros na achega autonómica, que ascenderá a 2,2 millóns de euros ata o ano 2028.




