O Goberno galego pon estas instalacións ao servizo da mocidade que, por motivos de estudos ou traballo, estea obrigada a residir fóra do seu concello habitual. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribuíu as prazas entre o Centro Residencial Xuvenil LUG en Lugo (81 prazas), a Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas en Ourense (60 prazas) e a Residencia Xuvenil Altamar en Vigo (92 prazas).
As estadías nestes centros terán unha duración máxima de 11 meses. Ademais do aloxamento e mantenza, as residencias ofrecen servizos e actividades de convivencia e educativas complementarias. As prazas están dirixidas a mozos e mozas con nacionalidade española, procedentes da Unión Europea ou residentes en España, que cumpran requisitos específicos.
Para o estudantado, requírese estar matriculado en estudos de Bacharelato, Formación Profesional, universitarios ou de posgrao, ter 16 anos e que no seu concello de orixe non houbese oferta para os seus estudos ou non acadase a nota de corte. Reserváronse tamén 15 prazas para estudantado colaborador que desenvolva proxectos na residencia, con requisitos de idade, experiencia previa e renda familiar.
No caso da mocidade traballadora, a partir dos 16 anos, dispuxéronse 18 prazas. Para estas, o lugar de traballo debe ser distinto ao de residencia habitual e, en contratos temporais, cunha duración mínima de 3 meses. Ademais, reserváronse dúas prazas específicas en cada centro para mulleres vítimas de violencia de xénero, os seus fillos e mozos con expediente de protección aberto.




