Galicia enfronta un novo e brusco cambio nas condicións meteorolóxicas en menos de 24 horas. Tras unha xornada xa cálida o xoves, na que Ourense alcanzou os 30 graos, e un venres con valores igualmente altos, a chegada dunha fronte fría provocará un descenso térmico significativo este sábado. Este cambio virá acompañado dun aviso laranxa na comarca da Mariña, onde se agardan ondas de entre cinco e seis metros.
O venres estará marcado polo último pulo de aire cálido, influenciado por ventos do sur. Segundo Alberto Romero de Meteogalicia, o contraste será evidente na provincia de Lugo: mentres o interior e a metade meridional gozarán de ceos máis despexados e altas temperaturas, na Mariña a presenza de nubes baixas e brétemas conterá o ascenso térmico.
As máximas do venres alcanzarán os 30 graos en Ourense, 29 en Pontevedra, 28 en Vigo e arredor de 27 en Lugo. No litoral norte, os valores serán máis suaves, con uns 25 graos en Ferrol e preto de 22 na Coruña. As mínimas oscilarán entre os 8 e os 12 graos. Agárdanse poucas precipitacións, salvo algún chuvasco puntual en zonas de montaña, aínda que de madrugada poderían rexistrarse choivas débiles e dispersas.
O sábado traerá un cambio de patrón coa entrada da fronte fría, que deixará precipitacións débiles, especialmente durante a mañá, e un acusado descenso térmico. Este fenómeno, segundo o experto, “non é nada anormal”, senón que forma parte da variabilidade propia da estación primaveral.
As temperaturas máximas do sábado situaranse arredor dos 11 graos en Lugo e Santiago, mentres que Ourense e Pontevedra roldarán os 14 graos, e Vigo os 14. Na Coruña e Ferrol moveranse arredor dos 12 graos. As mínimas serán de uns 3 graos na cidade amurallada e de 4 en Ourense. O principal foco de atención estará no mar, especialmente na costa lucense, onde a Mariña estará en aviso laranxa por ondas que poden alcanzar entre cinco e seis metros.
O domingo continuará a inestabilidade con alternancia de nubes e claros, e precipitacións intermitentes nalgúns puntos, con máximas de entre 12 e 15 graos na maior parte de Galicia. O luns, os restos de inestabilidade aínda poderían deixar algunha precipitación puntual, sobre todo no interior, mentres que os valores seguirán “contidos”, segundo Romero.




