Durante a sesión de control ao Goberno, o líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro, desafiou ao mandatario galego e líder do PPdeG a elixir entre "inmoralidade ou decencia". Acusou ao PP de "aproveitarse do falecemento de tres edís en menos dun ano" para intentar acceder á alcaldía da cidade. Pola súa banda, Alfonso Rueda respondeu ao socialista responsabilizándoo de levar "a inestabilidade" a Lugo.
Rueda sinalou á secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, por renunciar á alcaldía "sete meses" despois de "perder as eleccións" en maio de 2023, o que, segundo el, marcou o inicio da inestabilidade. O presidente da Xunta defendeu que o PP ten "todo o dereito a intentar rexer e endereitar" a cidade, xa que quedou "a moi poucos votos da maioría absoluta" nas urnas.
“"Que ética hai nun político que mira para unha familia en loito e di: esta é a miña oportunidade para acceder á Alcaldía da man dun tránsfuga compañeiro dos falecidos."
Besteiro, que desviou a súa pregunta inicial sobre economía e demografía para centrarse na crise política lucense, advertiu que "ao Partido Popular non lle saen as contas" e que a "inmensa maioría da poboación da cidade de Lugo" o sabe. Defendeu que a capital de provincia está pilotada "por bos xestores" e "boas persoas" que "defenden e gobernan dende a decencia".
O líder socialista augurou que os lucenses "sancionarán" ao PP nas urnas en 2027, acusando aos populares de "non ter límites" para chegar "ao poder". Rueda, pola súa banda, ironizou coa postura de Besteiro sobre a estabilidade e recordoulle que os socialistas gobernan a Deputación de Lugo grazas a un "birlibirloque" co apoio do BNG.




