O acto solemne de xura do cargo tivo lugar ao mediodía, onde Crujeiras recibiu a medalla e o bastón de mando do seu predecesor, Antonio López Díaz. A cerimonia contou coa presenza destacada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como dos reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo Cao.
“"Asumo o cargo con humildade e con vontade e compromiso de traballo, escoita e diálogo. O reto é construír unha nova universidade que avance, adiantándose ás demandas sociais e que innove."
No seu discurso, a reitora número 173 da decana das institucións universitarias galegas, expresou a súa "profunda emoción" e subliñou a necesidade de que a universidade pública "reivindique o espazo, o tempo e a voz" tanto en Lugo e Compostela como en Galicia e a nivel global.
Crujeiras tamén fixo fincapé na importancia de fortalecer os campus de Lugo e Santiago, considerándoos complementarios e cohesionados para impulsar o progreso científico, social e cultural. Para iso, destacou a necesidade de valorizar a rede de centros e infraestruturas da USC. Ademais, advertiu que "non pode existir excelencia académica sen unha atención adecuada ás condicións vitais e sociais" do estudantado.




