Un persistente episodio de cúpula de calor, provocado por un potente anticiclón subtropical, podería prolongarse en Galicia ata os comezos de xullo. As predicións semanais de anomalías térmicas do European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF) apuntan a que, durante boa parte da semana, as máximas poderían acadar os 36 graos, mentres que as mínimas non baixarían dos 10 graos, temperaturas moi elevadas para o mes de maio.
Este escenario podería converter maio de 2026 nun episodio histórico, sendo a primeira vez que se rexistra unha onda de calor neste mes en moitos países, incluída España.
A semana comeza aínda cun contexto de inestabilidade, con posibilidade de tormentas localmente fortes na comunidade. Hai aviso amarelo activado no centro e na montaña de Lugo cara ao final da tarde. Nas últimas 24 horas, Galicia rexistrou 2.343 raios, con especial incidencia na metade norte. A actividade tormentosa diminuirá de cara ao martes, aínda que o mércores e o xoves poderían reaparecer debido ao aumento das temperaturas.
As altas presións impiden a renovación do aire en superficie, que se quenta intensamente debido á forte insolación diurna e á subsidencia de aire asociada á dorsal anticiclónica, segundo explican desde o portal meteorolóxico Meteored.
Ourense será a cidade galega que rexistrará as temperaturas máis elevadas, cunha máxima prevista de 36 graos o mércores 27 e mínimas arredor dos 14 graos. Lugo tamén superará os 30ºC, ao igual que Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela. Pola contra, as cidades costeiras de Vigo e A Coruña terán valores máis moderados, con máximas de 29 e 27 graos, respectivamente.
A maior oscilación térmica darase en Lugo, cunha diferenza de ata 19 graos entre máxima e mínima o mércores. As temperaturas nocturnas tamén serán elevadas en boa parte da comunidade: Pontevedra rexistrará unha mínima de 16 graos, Vigo de 17 e Santiago de Compostela de 19ºC.




