Segundo a formación popular, a cidade de Lugo mantén o mesmo número de bombeiros que cando tiña unha poboación de 80.000 habitantes, unha situación que se agravou esta semana coa marcha de dous profesionais a Ferrol e A Coruña tras aprobar as súas respectivas oposicións.
O PP sinala que Lugo debería contar con 56 efectivos (un sarxento e 55 bombeiros, incluíndo 5 cabos), pero actualmente só dispón de 45, dos cales oito son interinos. Esta situación débese, segundo os populares, á falta de convocatoria de prazas que impida a consolidación do persoal.
“"Temos a obriga moral de coidar a quen nos coida e a responsabilidade de reforzar o servizo de bombeiros con medios persoais e materiaris suficientes."
A portavoz popular, Elena Candia, lamentou que a administración local actúe como "unha administración que forma para que logo marchen a outras cidades", sen ofrecer unha saída estable aos profesionais. Candia considera "incomprensible" que, despois de "máis de tres meses traballando no servizo", aínda non se convocase a oposición, mantendo aos traballadores nunha "situación de provisionalidade permanente" que fomenta a súa marcha.
O PP subliña que o servizo de bombeiros é esencial para a seguridade da cidade e demanda "planificación, estabilidade e respecto polo persoal" por parte do Goberno Local. Reclaman unha actuación urxente para frear a perda de efectivos, garantir a estabilidade do cadro de persoal e evitar que Lugo siga perdendo bombeiros xa formados e con experiencia.




