A distribución inicial tivo lugar en barrios como A Milagrosa e Augas Férreas, e estenderase a outros puntos da cidade. Ademais, os veciños poderán recoller o compost na oficina de EcoLugo, situada no centro. En total, repartiranse 500 bolsas deste material, que foi certificado como de máxima calidade tras as análises pertinentes.
“"Este reparto exemplifica o modelo de economía circular polo que apostamos en Lugo: transformar un residuo nun recurso útil, de proximidade e de máxima calidade que retorna directamente á veciñanza."
Cada bolsa contén entre 1,5 e 2 quilos de compost, que provén da primeira produción total dunha tonelada obtida a partir dos residuos depositados polos cidadáns. Esta acción enmárcase na folla de ruta establecida polo goberno local nos últimos anos para mellorar a xestión de residuos.
As políticas ambientais do Concello están a dar resultados positivos, segundo indicaron fontes municipais. O balance do ano 2025 mostrou un incremento interanual do 4,14% na recollida de envases lixeiros, do 5,01% en papel e cartón, e do 3,32% en vidro. A mellora nos hábitos de separación e reciclaxe dos cidadáns tamén se reflicte na redución dos residuos que acaban no contedor gris, especialmente dende a implantación do contedor marrón para restos orgánicos o ano pasado.




