O encontro forma parte dun cronograma de traballo conxunto entre o concello e o colectivo empresarial, co obxectivo de avaliar o estado das infraestruturas e servizos. A meta é impulsar actuacións que reforcen a posición de O Ceao e As Gándaras como espazos industriais e comerciais de referencia na comarca de Lugo.
Entre os temas abordados, destacou a seguridade, coa procura de localizacións estratéxicas para instalar novas cámaras de control de tráfico, en coordinación coa Policía Local. Tamén se acordou elaborar un inventario dos materiais co que operan as naves para facilitar a intervención dos bombeiros en caso de incidencias. Sobre este punto, o alcalde subliñou a importancia do traballo preventivo.
“"Todo o traballo preventivo que se faga é pouco."
Outro asunto tratado foi a limpeza ordinaria, coa proposta de Miguel Fernández de desenvolver un proxecto piloto nunha zona representativa dos polígonos para fomentar a recollida selectiva de residuos. En canto ás infraestruturas, analizouse a necesidade de mellorar a iluminación con farois de baixo consumo e reparar deficiencias no firme, ademais de optimizar a sinalización horizontal e vertical.
Así mesmo, o alcalde insistiu na importancia de seguir reclamando conxuntamente á Xunta de Galicia a conexión dos polígonos a través da Campiña, o que permitiría unha saída máis áxil á A-6. Esta demanda gaña relevancia ante a próxima habilitación dun aparcamento vixiado para camións. O rexedor lucense considera que é o momento axeitado para que o Goberno autonómico se comprometa con esta mellora, que repercutiría positivamente na economía local. Un novo encontro está previsto en tres meses para avaliar os avances.




