A sección de Menores do Tribunal de Instancia de Lugo impuxo unha medida de seis meses de internamento en réxime semiaberto, con posibilidade de prórroga, a un menor de 17 anos por agredir á súa parella. Os feitos ocorreron o pasado 6 de abril cando unha patrulla da Policía Nacional atopou á menor chorando e con lesións faciais.
A vítima explicou aos axentes que a agresión se produciu cando acudiu ao domicilio da parella e o atopou consumindo alcohol e outras substancias. O menor impediu que ela marchase e comezou a golpeala e a morderlle. A moza logrou finalmente abandonar o lugar.
“"Si, claro. Son cousas de parella e non tedes por que meterovos."
Cando os axentes falaban coa vítima, o agresor pasou en patinete, rindo e ameazando á moza. Ao ser interpelado pola policía, o menor recoñeceu a discusión e admitiu a agresión, minimizándoa como "cousas de parella". Foi detido nese momento.
A sentenza tamén recolle que o acusado obrigou á súa parella a deixar o seu traballo de camareira e que a agrediu "en numerosas ocasións" no piso do pai dela, onde chegaron a vivir temporalmente. Causou ademais danos no inmoble, o que levou á expulsión da vivenda.
A defensa recorreu a medida de internamento ante a Audiencia Provincial de Lugo, cualificándoa de "desproporcionada", pero o tribunal confirmou a pena. O fallo xudicial subliña que a resposta do menor ante a policía evidencia "unha manifestación de normalización da violencia" e recorda o "risco relevante" para a vítima segundo o sistema Viogén.
Durante o internamento, o mozo deberá someterse a un programa de intervención educativa con perspectiva de xénero e control de impulsos. Ademais, ten prohibido achegarse a menos de 200 metros da vítima ou comunicarse con ela.




