A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través da Consellería do Medio Rural, investirá preto de 280.000 euros na mellora e reparación do firme dos accesos a parcelas no concello de Friol. Estas actuacións enmárcanse dentro dos proxectos de permutas de especial interese agrario.
En concreto, na parroquia de Nodar xa se investiron máis de 60.000 euros en traballos de limpeza de cunetas, afirmado, pavimentación e xestión de residuos ao longo de 838 metros. Ademais, está proxectada unha nova intervención nos núcleos de Busto e A Covariza, na parroquia de Silvela, cun orzamento superior a 210.000 euros para acondicionar 2.460 metros de camiños.
O municipio de Friol é pioneiro nestes proxectos de permutas agrarias, que buscan mobilizar o terreo e evitar o seu abandono. Ata o momento, estase traballando na mobilización de máis de 570 hectáreas, das cales 162 corresponden á parroquia de Nodar.




