A localidade de Friol volveu acoller este domingo a tradicional Rapa das Bestas de Carballo, unha cita que congregou a centos de asistentes no curro de As Sete Fontes. O evento, que combina forza, tradición e respecto polo cabalo, demostrou un ano máis o seu arraigo no municipio e o seu crecemento anual, tanto en participación de público como de aloitadores.
A xornada comezou coa subida dos cabaleiros ao monte para reunir aos animais e conducilos ao curro. Alí, ao mediodía, os distintos grupos de aloitadores entraron no recinto para inmobilizar as bestas, realizar o saneamento veterinario e cortar as crinas, tarefas esenciais para o seu benestar e a continuidade da tradición. A emoción e o risco nalgunhas intervencións provocaron os aplausos do público, que seguiu atentamente a destreza dos participantes.
A presenza de mozos e mozas entre os aloitadores destacou o relevo xeracional desta celebración. A convivencia entre a experiencia dos veteranos e a enerxía das novas xeracións asegura o futuro dun evento que xa é unha referencia no calendario festivo da comarca e que atrae a veciños e visitantes de toda Galicia.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, subliñou o valor patrimonial da rapa e a implicación dos seus organizadores. "A rapa das bestas do monte de Carballo é moito máis ca unha festa. É historia, identidade e orgullo polo noso rural. É un legado que recibimos dos nosos maiores e que, entre todos, seguimos coidando para que tamén forme parte do futuro", afirmou. Tamén puxo en valor o ambiente familiar e a importancia de preservar este legado.
Tras o traballo no curro, a programación continuou co recoñecemento aos cabaleiros e aloitadores, seguido dunha comida de confraternidade. Pola tarde, celebráronse as tradicionais carreiras de cabalos e probas de habilidade, completando unha xornada festiva que confirma a boa saúde desta rapa e o compromiso de Friol coa conservación do seu patrimonio.




