Estes resultados confirman a utilidade destas ferramentas selectivas para reducir as incidencias asociadas á presenza de xabarís en espazos próximos ás zonas habitadas, segundo informou a administración autonómica.
A instalación destes dispositivos foi autorizada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o pasado 18 de setembro, atendendo a unha solicitude do Concello de Lugo. O obxectivo principal é mitigar os riscos para a seguridade das persoas derivados da presenza destes animais no ámbito urbano e periurbano.
A localización das gaiolas foi coordinada entre o persoal municipal e a Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (UICON) da Xunta, garantindo así a súa máxima eficacia. Axentes desta unidade encárganse da instalación, vixilancia e seguimento das trampas.
A autorización concedida ten unha vixencia dun ano e forma parte dun procedemento iniciado pola Xunta en 2023 para facilitar a captura de xabarís en puntos específicos de cidades e áreas metropolitanas onde a súa presenza poida xerar problemas de seguridade ou convivencia.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático manterá a colaboración co Concello de Lugo para avaliar os resultados desta actuación e avanzar na xestión eficaz da fauna silvestre, mellorando a seguridade cidadá.




