A corporación municipal de Lugo aprobou en pleno o pasado mes de outubro modificacións na ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Estas modificacións manteñen as bonificacións existentes: un 30% para as familias numerosas de categoría xeral e un 50% para as de categoría especial, aplicadas á vivenda habitual.
Como principal novidade, a ordenanza inclúe unha regulación específica para os casos de separación ou divorcio. A partir de agora, considerarase vivenda habitual de cada proxenitor aquela na que estea empadroado, sempre que os fillos que integran o título de familia numerosa estean empadroados na vivenda habitual de calquera dos dous proxenitores.
Durante unha reunión coa alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Política Social, Gustavo Díaz, representantes de AGAFAN trasladaron propostas para ampliar o apoio a estas familias. Solicitaron elevar as bonificacións do IBI ata o 90%, eliminar a esixencia de empadroamento de todos os membros na vivenda para acceder aos beneficios, e admitir o certificado dixital da Xunta como acreditación.
Ademais, a asociación suxeriu estudar bonificacións noutras taxas municipais, como a de recollida de lixo ou o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), así como nas prestacións doutros servizos. Tamén propuxeron que a renda per cápita sexa un factor a ter en conta para establecer bonificacións, axudas e taxas.




