A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de animais bovinos infectados polo serotipo 8 da lingua azul, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete. Trátase do primeiro foco deste serotipo detectado na provincia de Lugo no presente ano e o terceiro na comunidade autónoma galega desde abril, cando rematou o período invernal libre de circulación do insecto vector.
Tras as análises efectuadas, confirmouse a circulación do virus nunha explotación bovina situada en Meira. A detección realizouse por vixilancia pasiva por parte dos propios gandeiros, que comunicaron as sospeitas da enfermidade, enmarcada no programa anual de vixilancia que desenvolve a Xunta de Galicia.
Os serotipos presentes desta doenza en Galicia durante o ano 2025 foron tamén o 3 e o 8, que afectaron ás catro provincias galegas. O serotipo 4 non foi detectado na comunidade, froito das campañas de vacinación obrigatorias dos anos precedentes.
Desde o ano 2025, España xa non conta cun programa de erradicación con vacinación obrigatoria fronte a esta doenza. Non obstante, a Xunta de Galicia continúa a recomendar a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección e contención. As vacinas poden adquirirse nas canles comerciais habituais coa prescrición veterinaria correspondente.
Ademais, a Consellería do Medio Rural mantén a distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para gando bovino e ovino, e fronte aos serotipos 3 e 8 especificamente para o gando ovino, xa que esta especie adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.
Recoméndase tamén evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores, como áreas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos, e realizar desinsectación periódica de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando.
Lémbrase a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais. A lingua azul non afecta ás persoas, só aos ruminantes, e non se contaxia entre eles, senón a través da picadura dun insecto vector. Tampouco existe risco para as persoas polo consumo de produtos procedentes de animais afectados.
Este caso en Lugo súmase aos dous focos detectados a comezos de xullo na provincia da Coruña, que foron os primeiros de 2026 en Galicia e en España tras o período invernal.




