O acusado, quen traballaba como empregado de banca, declarouse culpable dos delitos de intento de asasinato, roubo con violencia e estafa continuada. Durante a vista oral, expresou o seu "arrepentimento máis absoluto" e pediu perdón á vítima e á súa familia, asegurando que o seu desexo é que ela se recupere canto antes.
O meu desexo é que se recupere o máis pronto posible e á súa familia pídolles que me desculpen. Estou moi arrepentido.
Segundo o relato da Fiscalía, o ataque foi planificado. O home utilizou a súa posición nunha entidade bancaria para obter información patrimonial e persoal da vítima, quen tiña recoñecida unha incapacidade permanente absoluta. O día anterior ao suceso, vixiou o domicilio para coñecer os horarios e rutinas da muller.
O fiscal sostén que o agresor acudiu á vivenda coa intención de "terminar coa súa vida para non ser delatado", sabendo que ela se atopaba soa. Tras propinarlle un "brutal golpe na cabeza cun obxecto contundente", a vítima quedou indefensa, momento que o acusado aproveitou para subtraerlle o teléfono móbil e fuxir.
Unha vez co teléfono, fíxose pasar pola muller para desbloquear a aplicación de banca móbil e realizou transferencias ao seu favor por un importe próximo aos 25.000 euros nos días posteriores ao asalto, grazas á información que xa posuía.
Como consecuencia da agresión, a vítima sufriu un traumatismo cranioencefálico grave e tivo que ser sometida a dúas intervencións cirúrxicas. As secuelas inclúen hemiplexia, trastornos cognitivos, danos neuropsicolóxicos e un "prexuízo moral moi grave pola perda de calidade de vida".




