A Deputación de Lugo deu comezo aos traballos de construción dunha nova ponte sobre o río Azúmara na estrada LU-P-1611, coñecida como o cinturón comarcal, ao seu paso por Castroverde. As obras, que contan cun orzamento de 650.000 euros, implicarán un desvío temporal da estrada provincial pola LU-P-1204 entre Mosteiro e Castroverde, agás para os residentes da zona.
A actuación céntrase nun tramo de algo máis dun quilómetro, entre os puntos quilométricos 106,5 e 107,8, e ten un prazo de execución de 9 meses. Os traballos inclúen a demolición da antiga ponte e a construción dunha nova plataforma que será seis metros máis ancha, alcanzando os once metros de ancho total, ademais da renovación da sinalización.
O actual paso sobre o río Azúmara é un dos puntos máis problemáticos da LU-P-1611 debido á súa reducida plataforma, que dificulta o cruce de vehículos e compromete a seguridade viaria. Unha vez finalizadas as obras, tamén se implementarán medidas ambientais, como a sementeira dos taludes para recuperar a súa cuberta vexetal.
“"Esta actuación suporá unha mellora moi importante da circulación nese punto, porque se ampliará o ancho da vía e os condutores terán unha plataforma cunhas capacidades moi melloradas nunha estrada cun alto volume de tráfico."
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, destacou a importancia desta actuación para mellorar a circulación e a seguridade na zona. Aproveitou tamén para pór en valor o labor da institución provincial na conservación das vías e, neste caso concreto, "eliminar un dos seus puntos máis problemáticos".




