A Praza Andón Cebreiro de Friol foi o escenario este sábado da presentación da terceira edición das Olimpíadas Rurais de Galicia. O evento, que se celebrará na localidade por terceiro ano consecutivo, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xuño.
Organizado pola Consellería do Medio Rural, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello friolés, coa coordinación do colectivo deportivo Hércules, este ano haberá 20 equipos, cada un formado por 20 persoas maiores de 16 anos. Isto supón un incremento respecto á edición anterior, na que participaron 14 grupos.
Tras a gala inaugural e o desfile dos participantes polas rúas de Friol o venres 26, darán comezo as probas que avaliarán a habilidade, forza, equilibrio e destreza dos concursantes. Entre as disciplinas inclúense a cucaña, cesta va, zancos, carreiras de sacos, billarda, carretilla, tiro de corda, entre outras.
A organización adiantou que haberá sorpresas e actividades que se desvelarán nas próximas semanas. Como colofón do evento, os organizadores ofrecerán unha comida aos 400 participantes.
As Olimpíadas Rurais de Galicia combinan deporte, cultura, tradición, entretemento e convivencia. Durante os tres días haberá almorzos con produtos típicos da zona e xantares populares para fomentar a hermandade entre os asistentes.
A música tamén terá un papel importante. O venres actuarán Louband e o DJ Cosme; o sábado, a charanga ChisPum e A Banda da Balbina con Los Alcántara; e o domingo, a charanga Bamboleo e La Indirigible.
O alcalde, José Ángel Santos, destacou que as Olimpíadas Rurais son "unha cita imprescindible" que une tradición, convivencia e promoción do rural, ademais de dinamizar a economía local e situar a Friol no mapa de grandes eventos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que o evento representa os valores do rural galego e o seu importante impacto turístico e económico nos concellos do interior.




