Unha pasaxeira dun autobús urbano de Lugo xerou alarma entre os demais usuarios ao quedar de forma repentina practicamente inconsciente. O condutor detivo o vehículo de inmediato e alertou aos servizos de Emerxencias.
Ao chegar ao lugar, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio comprobou que a moza xa recuperara a consciencia. Segundo as súas declaracións, adoita sufrir episodios de hipotensión. O portavoz do corpo policial explicou que o persoal da ambulancia asistiu á moza e verificou que as súas constantes vitais eran correctas, polo que quedou ao coidado dunha amiga que a acompañaba no autobús.
Os axentes tamén se desprazaron tras recibir unha chamada na Sala do 092 por unha muller que camiñaba con lentitude e dificultade pola Rúa da Saúde, preto da intersección con Río Ulla.
Ao localizala, a muller explicou que sufrira un ictus hai anos e que levaba varias horas camiñando desde que saíra de casa para ir ao supermercado, o que lle provocou un forte esgotamento. A pesar de rexeitar asistencia sanitaria, solicitou aos axentes que a acompañasen ata o seu domicilio ao non sentirse capaz de chegar soa. Os efectivos policiais acompañárona ata a porta do seu edificio.




