A principal novidade desta iniciativa, cun orzamento de case 2,7 millóns de euros, é a creación da liña Conecta Ferrol-Lugo. Esta conexión directa busca reforzar as comunicacións entre ambas as cidades, ofrecendo unha alternativa ao vehículo privado nun traxecto que rexistra máis de medio millón de desprazamentos anuais en coche só entre Ferrol e As Pontes.
“"Esta medida busca ofrecer unha alternativa real ao vehículo privado nun traxecto onde se detectaron máis de medio millón de desprazamentos anuais en coche só entre Ferrol e as Pontes."
A nova liña incrementará en dous os servizos directos por sentido ao día, sumando 1.408 viaxes anuais adicionais. De luns a venres, haberá tres saídas diarias desde cada cabeceira, con horarios especiais os venres e domingos para atender á comunidade universitaria. A concesión, que estará vixente ata o ano 2030, tamén estenderá a liña Oza dos Ríos-Betanzos ata Curtis e axustará horarios para mellorar o servizo. Contará cun total de 11 vehículos para cubrir 78 concellos das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Ademais, o Goberno galego autorizou a licitación de obras para a construción de sendas peonís. En Laxe, investiranse máis de 1,1 millóns de euros na creación de dous tramos de sendas na estrada AC-433, que sumarán dous quilómetros e conectarán de forma segura os núcleos de Castrelo, Serantes e o centro de Laxe. En Lugo, iniciarase o proceso de exposición pública para unha senda na LU-234, na parroquia de San Martiño de Ombreiro, cun investimento estimado de 870.000 euros. Este itinerario de 1,2 quilómetros será para uso compartido de peóns e ciclistas entre A Ponte e Riazón, e prevese licitar a obra no segundo trimestre deste ano cun prazo de execución de 12 meses.
Finalmente, o Consello tamén deu o visto e prace á contratación de obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas que atravesan 10 concellos da Costa da Morte. Esta intervención, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, actuará sobre 65 quilómetros de vías como a VG-1.4 ou a AC-552, co obxectivo de garantir a durabilidade e seguridade do pavimento antes de que finalice o presente ano.




