A xornalista e presentadora da televisión pública afgá ata a caída de Kabul, Khadija Amin, asegurou este xoves en Lugo que "a violencia contra as mulleres é legal en Afganistán dende que se aprobou o novo Código Penal a principios de ano". Amin participou nas xornadas Lugo Sen Fronteiras da Uned, centradas na dramática realidade que padecen as mulleres tras o regreso dos talibáns ao poder en 2021, situación que definiu como "apartheid de xénero".
"O matrimonio infantil é tamén legal dende a semana pasada", advertiu, o que supón que "as nenas de 11 ou 12 anos poden ser casadas" con homes adultos. As nenas poden estudar ata esa idade, recibindo soamente educación básica, xa que despois teñen prohibido o acceso á formación. "Nas cidades onde hai internet as mulleres estudan clandestinamente co apoio das súas familias, incluídos os homes. Se as descobren os talibáns poden castigalas ou encarcerálas, pero adoitan dicirlles que están estudando o Corán".
“"É moi complicado, pero as mulleres somos as que imos cambiar Afganistán"
Amin, nada en Kabul e formada en Xornalismo pola universidade da súa cidade, traballou durante catro anos en diversos medios, destacando o seu labor como reportaxeira e presentadora de informativos na Televisión Nacional de Afganistán, onde se centrou en dar cobertura aos problemas das mulleres do seu país.
A toma do poder polos talibáns supuxo a perda inmediata do seu traballo e a súa obrigada fuxida ao estranxeiro, establecéndose en España. Actualmente, compaxina a súa colaboración con medios de comunicación con charlas, conferencias e documentais que buscan visibilizar o calvario das súas compatriotas.
A xornalista lembrou en Lugo que Afganistán encadea catro décadas de conflito ininterrompido, dende a invasión soviética en 1979, pasando por guerras civís, un primeiro réxime talibán e a posterior intervención internacional ata 2021. Tamén sinalou que durante as décadas de 1960 e 1970, as afgás gozaban de liberdades legais e sociais, con acceso á educación, ao emprego e á vida pública, un modo de vida que se perdeu.




