As intervencións, que se levarán a cabo na vía de altas prestacións VG.-1.4 (Cee-Sardiñeiro) e nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira- A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e a AC-552 (A Coruña-Cee), abranguen os municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
O obxectivo principal destas actuacións é mellorar as características funcionais e reforzar a seguridade viaria nestes treitos de vías de titularidade autonómica. Os traballos, que contan cun prazo de execución estimado de seis meses, consistirán na rehabilitación superficial do firme, restaurando as súas propiedades e adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
En conxunto, estas obras actuarán sobre preto de 65 quilómetros de lonxitude. A empresa adxudicataria é Construcciones López Cao, S.L. Todas as actuacións están incluídas dentro da franxa de dominio público da Xunta, polo que non son necesarias expropiacións de terreos.
O departamento que dirixe M. Allegue reitera a súa aposta pola mellora da rede de estradas autonómicas, buscando un menor custo de mantemento a longo prazo e unha maior seguridade para os usuarios.




