O Concello de Valdoviño acollerá un dos cursos de defensa persoal feminina promovidos pola Deputación Provincial da Coruña. A inscrición xa está aberta para esta acción formativa, dirixida a mulleres de idades comprendidas entre os 12 e os 75 anos.
No caso de Valdoviño, o seminario terá lugar no pavillón municipal O Longoiro o vindeiro 10 de outubro. A actividade terá unha duración de tres horas, dende as 10:00 ata as 13:00 horas. A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas.
A inscrición pode realizarse a través dun formulario en liña habilitado pola Deputación, ou de forma presencial no departamento municipal de Servizos Sociais de Valdoviño. O prazo para anotarse remata o 8 de outubro, sempre que non se cubran as prazas antes desa data.
A Escola de Defensa Persoal e Policial HKF será a encargada de impartir a formación. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Unha vez finalizado o prazo, enviarase un correo de confirmación de praza. Para as menores de idade, será necesaria a autorización asinada polo representante legal o día do seminario.




