O club local Fútbol Sala Valdoviño, en colaboración co Concello, organizará sesións de tecnificación de fútbol sala durante toda a tempada no pavillón municipal O Longoiro, situado en Meirás. Estas actividades, que comezarán en outubro, están deseñadas para nenas e nenos a partir dos 8 anos e para mozos e mozas de ata os 16 anos.
Os adestramentos abarcarán todos os niveis, dende a iniciación ata o perfeccionamento, adaptándose a formación ás necesidades individuais de cada xogador e xogadora. As sesións terán lugar os mércores e organizaranse en dous grupos por idade: de 18:00 a 19:00 horas para os máis cativos (8-11 anos) e de 19:00 a 20:00 horas para os mozos e mozas (12-16 anos).
O club xa abriu o proceso de inscrición para esta nova actividade coa que inaugura a tempada. As persoas interesadas en formalizar a súa participación poden contactar a través do número de teléfono 630 427 556 ou mediante correo electrónico en futbolsalavaldovino@gmail.com. O custo mensual da actividade é de 30 euros e inclúe a equipación necesaria e un agasallo de benvida.




