A proposta pretende dotar Galicia dun novo marco normativo que permita reverter a situación de emerxencia lingüística e garantir a presenza e o uso do galego en todos os ámbitos da vida. A iniciativa precisa reunir un mínimo de 10.000 sinaturas para chegar ao Parlamento de Galicia, onde se someterá a consideración dos grupos políticos. As persoas que queiran apoiar a proposta poden facelo no mostrador de atención ao público da Casa do Concello en horario de mañá.
A ILP Lingua Vital foi rexistrada no Parlamento galego a mediados de setembro tras un proceso de traballo colectivo no que participaron entidades de defensa da lingua, organizacións sindicais, asociacións culturais e veciñais, colectivos da comunidade educativa, do ecoloxismo e de defensa das persoas consumidoras. A proposta recolle os principais acordos acadados ao abeiro do Protocolo Lingua Vital, que busca articular unha resposta social e institucional á perda de falantes e ao retroceso do uso do idioma que veñen reflectindo os sucesivos estudos sociolingüísticos.
O texto propón modificar ou derrogar aquelas disposicións normativas que, segundo as entidades promotoras, limitan a normalización do galego, entre elas o actual decreto do plurilingüismo no ensino. Neste ámbito, a iniciativa avoga por que o galego sexa lingua vehicular, de acollida e de integración, procurando que o conxunto do alumnado adquira as competencias necesarias para desenvolverse con normalidade no noso idioma, independentemente da súa procedencia ou da lingua que empregue no ámbito familiar.
A proposición de lei tamén incorpora medidas orientadas a garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía nas súas relacións coa Administración, na sanidade, na xustiza ou no comercio, ademais de reforzar a presenza do galego na cultura, na creación audiovisual, nos medios de comunicación e nos novos contornos tecnolóxicos. O documento aborda igualmente a proxección internacional do idioma, reclamando a súa oficialidade na Unión Europea e unha maior integración de Galicia no espazo da lusofonía.
“"O galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse"
A campaña conta coa implicación de centos de colectivos e persoas voluntarias, ademais de ir sumando o apoio de administracións locais. No caso de San Sadurniño, o Concello contribúe á difusión da iniciativa e facilita a participación da veciñanza poñendo á súa disposición nas oficinas municipais os pregos oficiais de recollida de sinaturas. Toda a información sobre a proposta lexislativa, os seus obxectivos e o desenvolvemento da campaña pode consultarse na web linguavital.gal.




