O Concello de Narón organizou un ano máis, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, un obradoiro de defensa persoal dirixido a mulleres. A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, felicitou ás alumnas que remataron o curso, que se desenvolveu en dúas xornadas nas instalacións do pavillón da Mocidade.
As clases tiveron lugar na tarde de onte no Centro Cívico Social do Alto, de 16:00 a 19:00, e esta mañá, de 10:00 a 13:00 horas, no pavillón da Casa da Mocidade, na Gándara. O instrutor de Policía PSDI e experto en defensa persoal feminina José Rodríguez, e a doutora en psicoloxía Yésica Bouza, foron os encargados de impartir estes obradoiros.
A finalidade desta convocatoria é proporcionar ás mulleres (a partir de 12 anos, empadroadas en Narón) técnicas para defenderse ante situacións como soltarse dun agarre, protexerse ante unha posible agresión, a xestión do medo, e como previr, actuar e solventar este tipo de casos.
A concelleira de Igualdade, xunto con José Rodríguez, entregou os diplomas e agasallos institucionais ás alumnas. María Lorenzo destacou que o obradoiro permite “ter máis confianza nelas mesmas, dispoñendo dunha serie de técnicas para controlar posibles situacións de medo e, en definitiva, sentirse máis libre e seguras”. Subliñou a importancia de “coñecelas e saber aplicalas no caso de que sexa necesario”.




